A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia encargounos a realización de diferentes talleres sobre consumo responsable, destinados a mulleres do ámbito rural de Galicia.
Nestes talleres, que teñen unha duración de catro horas, abórdanse entre outros conceptos o consumo de enerxía e auga, ou a xestión dos residuos no fogar.
Esta é a páxina web da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia: www.igualdadegalicia.org
Obradoiros de Educación Ambiental no Xardín Arboretum Caixa Galicia
Moi próximo á plaia de Samil, o XARDÍN ARBORETUM CAIXA GALICIA é unha das coleccións botánicas máis interesantes de Galicia, froito da labor do paisaxista Francisco de Sales Covelo. Conta con cerca de 6.000 m2 de xardín, viveiros e arboreto. Durante o curso 2008-2009 desenvolvemos alí, para a Obra Social de Caixa Galicia, un amplo programa de actividades de educación ambiental que ten como protagonistas o paisaxismo, a botánica e a xardinería.
Os principais obxectivos do programa céntranse en destacar a importancia dos xardíns urbanos como reservas de biodiversidade, e ao mesmo tempo promover o coñecemento das labores de xardinería, conservación de especies e mellora do medio que se realizan desde a Fundación Sales. As actividades, realizadas no propio xardín, están destinadas a grupos organizados de todas as idades: grupos de escolares, asociacións, etc.
Podes encontrar máis información sobre esta actividade, e descargar o manual do alumno, na páxina web da Obra Social de Caixa Galicia:
http://www.obrasocialcaixagalicia.org/portal/site/ObraSocial/menuitem.58f16aec6c390282aaf857d1b05101ca/?vgnextoid=c023cb6a21f61110VgnVCM1000000b1510acRCRD&;vgnextfmt=extra&pos=6
Miles de escolares coruñeses aprenden cos nosos educadores a ser ambientalmente responsables.
Cada curso escolar, e desde o ano 2002, desenvolvemos para o Concello da Coruña os sete bloques do seu Programa de Educación Ambiental:
O programa consiste na organización de visitas guiadas de grupos organizados de alumnos/as a diferentes instalacións e espazos verdes municipais, obradoiros realizados nos centros educativos e edición de materiais de apoio para o alumnado e profesorado. Desde a súa posta en marcha participaron máis de 30.000 escolares desta cidade.
Podes descargar os materiais de apoio neste enlace.
Guiamos as visitas ao destino final dos residuos de Galicia para concienciar os cidadáns e cidadás do seu papel á hora de reducir, reutilizar e reciclar.
Desde 2007 somos responsables da organización e desenvolvemento das visitas de grupos organizados ás instalacións de xestión de residuos da Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (SOGAMA) en Cerceda (A Coruña).
Durante este tempo coordinamos as visitas de máis de 6.500 participantes de moi diferente composición, desde escolares a amas de casa, e desde universitarios a técnicos municipais ou empresas do sector. Froito deste programa é un crecente compromiso da cidadanía galega na separación dos seus residuos desde o fogar.
Podes saber máis sobre estas visitas neste enlace, onde atoparás ademais informes e avaliacións mensuais das visitas.
Un completo programa de reforestación e fomento do coñecemento dos nosos bosques autóctonos.
Entre os anos 2004 a 2009 deseñamos e desenvolvemos para a Obra Social de Caixa Galicia estes dous proxectos de Educación Ambiental e fomento da participación na reforestación de áreas degradadas. Ata o momento participaron máis de 5.000 escolares de 80 centros educativos de toda Galicia.
Ambos os dous proxectos contan con abundante material de apoio: fichas de bioloxía, unidades didácticas, e mesmo receitarios. Podes coñecer máis nestes enlaces:
Cando aforrar enerxía é tan doado como un xogo.
En 2006 ALCOA San Ciprián encárganos o deseño e desenvolvemento deste programa de consumo responsable de enerxía, no que participan escolares dos centros educativos do contorno desta planta industrial, así como un nutrido grupo de empregados/as da empresa. Póñense en marcha diferentes obradoiros educativos e elabórase diverso material de apoio que inclúe a creación de curtas de animación, “xoguetes enerxéticos”, unha pequena exposición e fichas de traballo.
O Concello de A Coruña confiounos a musealización deste monumento emblemático, declarado en 2009 pola UNESCO "Patrimonio da Humanidade".
A actuación consistiu na instalación de paneis, a elaboración de videos (un deles en 3D) e aplicacións interactivas, a creación de audioguías, ou a preparación de unidades didácticas para o ámbito escolar. Os procesos de deseño e execución deste proxecto tiveron en conta en todo momento tanto a conservación do monumento como a accesibilidade a todos os contidos. Grazas a isto último, aqueles visitantes que por diferentes motivos non poden subir polas escaleiras da torre dispoñen agora da oportunidade de facelo de forma virtual na planta baixa.
Producimos o novo despregable turístico para a Torre de Hércules
Os visitantes da Torre de Hércules teñen dende hai unhas semanas á súa disposición un novo despregable con abundante información acerca da historia, as lendas e as principais características do monumento recentemente declarado Patrimonio de Humanidade.
Producido por Terranova Interpretación e Xestión Ambiental S.L., foi editado en galego, castelán, catalán, francés, inglés, italiano, xaponés, portugués e alemán.
Podes descargarte o folleto aquí:
Despregable turístico Torre de Hércules
Grazas a este programa, os maiores de Galicia poden á vez descubrir os nosos parques naturais e aprender a facer fotografías dixitais.
En 2007 e 2008 máis de 500 persoas maiores, organizadas desde os centros de maiores da Obra Social de Caixa Galicia, visitaron con nós algúns dos máis valiosos espazos naturais da nosa comunidade. As dunas de Corrubedo, o Monte Aloia, o cabo de Estaca de Bares ou as Fragas do Eume foron algúns dos lugares visitados e fotografados. Porque durante as excursións os participantes aprenderon a facer fotografía dixital. Coas instantáneas obtidas organizáronse despois dúas exposicións itinerantes que percorreron as principais cidades galegas.
Máis información sobre o Programa para maiores "A forografía é o máis natural"
Todas as semanas percorremos con diferentes grupos un xacemento arqueolóxico cheo de historia e de historias.
En 2008 o Concello da Coruña encárganos a xestión das visitas guiadas a un dos máis importantes xacementos arqueolóxicos do norte de Galicia: o castro de Elviña.
Máis de 5.000 persoas pasearon con nós por entre as murallas deste espazo, coñecendo de primeira man tanto a vida cotiá dos que o habitaron como as diferentes técnicas que permiten reconstruír ese pasado.
Neste enlace tes máis información acerca das visitas guiadas ao castro de Elviña.
Terranova interpretacion y gestión ambiental, sl foi auditada e e conforme con respecto ás normas: UNE-EN ISO 9001:2008 e UNE-EN ISO 14001:2004 para as actividades de: “CONSULTORÍA DE FORMACIÓN MEDIOAMBIENTAL”.
Realizadas nas instalacións de: Alvaro Cunqueiro nº2 entresolo 15.008 A Coruña.
Data de certificación inicial: 30/06/2011.
Sempre que se manteñan as condicións de certificación este será válido ata: 29/06/2014.
Número de certificado: CA-1.089, MA-1.062.